 |
Queridos/as Colexiados/as,
É un pracer para min dar a benvida á web Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA). Tras a reelección da Xunta de Goberno para un novo mandato de catro anos, reafirmamos o noso compromiso coa consolidación e o desenvolvemento das liñas de traballo xa iniciadas. Neste novo período, un dos obxectivos prioritarios será a actualización dos estatutos do Colexio, en consonancia coas directrices do Consejo General de Colegios Oficiales de Biólogos e da administración. Do mesmo xeito, continuaremos, tanto desde o COBGA como desde o CGCOB, reforzando e ampliando os ámbitos profesionais das biólogas e dos biólogos, así como fortalecendo a presenza institucional e social do Colexio.
Neste mandato seguiremos impulsando a modernización das ferramentas tecnolóxicas e mellorando a comunicación coas persoas colexiadas, co fin de facilitar un contacto máis directo, áxil e eficaz. Intensificarase tamén a relación e colaboración con todos os ámbitos da bioloxía —ciencia, medio ambiente, sanidade, alimentación, industria, academia, consultoría e administración pública—, reforzando o papel da bioloxía como disciplina clave para o desenvolvemento da sociedade.
Así mesmo, traballarase na consolidación da estrutura e da eficacia do Consejo General de Colegios Oficiales de Biólogos e na dinamización das Comisións Sectoriais, mellorando a súa capacidade para detectar e responder ás necesidades profesionais e sociais. Finalmente, impulsarase o incremento da base colexial como vía para avanzar en representatividade e garantir unha maior solidez económica do Colexio.
Recibe un cordial saúdo,
José Antonio Fernández Bouzas
Decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia
|